Sunday 05 de May de 2024

O Concello homenaxea a Xaime Cabanas coa colocación dunha placa na súa casa natal


Inés Rey: “É un día especial na historia da arte coruñesa no que facemos xustiza e memoria a un dos máis grandes artistas da nosa cidade”

O Concello da Coruña réndelle homenaxe ao pintor Xaime Cabanas coa colocación dunha placa conmemorativa na súa casa natal. A alcaldesa, Inés Rey, presidiu o acto de descubrimento da placa acompañada por familiares e amigos do artista. “É un día especial na historia da arte coruñesa no que facemos xustiza e memoria a un dos máis grandes artistas da nosa cidade” explicou a alcaldesa.

A colocación da placa pecha o ciclo de actividades en homenaxe a Xaime Cabanas, que comezou coa exposición “MMXXIII Cabanas” na Sala de Exposicións Municipal de Palexco e o Kiosko Alfonso. “Pechamos o círculo dunha forma simbólica, na súa casa de Monte Alto onde todo comezou, deixando recordo desa arte crítica e libre que tanto o ten caracterizado e que terá pegada nas futuras xeracións de coruñeses e coruñesas” concluíu a alcaldesa.

Rey agradeceu aos asistentes a súa presenza e “o seu cariño e apoio incondicional a unha das figuras máis importantes da nosa cidade”.